HANS

1: HANS; 2: Tirante (un a cada lado); 3: Clip (un a cada lado); 4: Soporte de ombreiros.

HANS é a abreviatura de Head And Neck Support (en galego: Soporte para cabeza e pescozo). Este dispositivo, relativamente novo no mundo do motor, ten por obxecto reducir considerablemente o risco de lesións e fracturas cervicais provocadas pola enorme desaceleración que sofren os pilotos de automobilismo ao chocar bruscamente a altas velocidades. Tamén é útil en golpes laterais xa que impide que a cabeza do piloto se golpee contra os bordos do habitáculo do piloto, en caso de accidente.

Ken Schrader, piloto de NASCAR, colocándose o HANS.

Fabrícanse principalmente con fibra de carbono e teñen un peso de entre uns cincocentos e seiscentos gramos. O HANS colócase sobre os ombreiros e tras a caluga do piloto, quen vai á súa vez ancorado ao casco e ao respaldo do asento do vehículo mediante cintos e ganchos. A pesar de que son practicamente imprescindibeis para evitar lesións graves, presenta diversos inconvenientes. Este dispositivo limita moito o movemento do pescozo dentro do coche, polo que os pilotos deben exercitar e incrementar a forma física dos músculos do pescozo e ombreiros para evitar cambras e dores musculares. Doutra banda, a maior número de cintos e ancoraxes que posúa o piloto, maior será o tempo que tarde en abandonar o vehículo en caso de accidente ou incendio.

No entanto, e a pesar destas desvantaxes, os beneficios son tales e a súa eficacia tan demostrada que se fixo obrigatorio na Fórmula 1 desde a tempada 2003. Noutros deportes, como o Campionato do Mundo de Rally, tamén son obrigatorios.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy